Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de maio de 2024

A Coruña acolle unha nova edición de Karate 1-Youth League, con máis de 3.000 participantes de 77 países

Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, presentou esta proba internacional que se realizará do 16 ao 19 de maio no Palacio dos Deportes de Riazor

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou unha nova edición do Karate 1-Youth League, o campionato internacional de karate de categorías base máis importante, que se disputará do 16 ao 19 de maio no Palacio dos Deportes de Riazor. Estivo acompañado por Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. Ao acto tamén asistiron o presidente da Real Federación Española de Karate, Antonio Moreno; o responsable de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

Será o segundo ano consecutivo que se realice esta proba na cidade, que xunto con Fujairah (Emiratos Árabes Unidos), Porec (Croacia), Cancún (México) e Venecia (Italia) ten a honra de ser unha das sedes. "O éxito da pasada edición fíxonos querer repetir experiencia e esperamos superar as expectativas", sinalou o concelleiro durante a súa intervención. Está prevista a participación de 3.034 deportistas, 709 adestradores, 260 árbitros e 75 persoas máis da organización de ata 77 países. A organización estima que o evento mobilizará máis de 7.000 persoas, contando as persoas acompañantes. "Estes datos amosan que estamos ante o evento deportivo de base máis importante do ano en Galicia e un dos máis relevantes a nivel nacional", dixo Castro.

Karate 1-Youth League pertence ao circuíto mundial de categorías inferiores e está dirixido a deportistas de entre 12 e 20 anos de idade. Na Coruña haberá catro modalidades de kata e outras sete de kumite. Ademais, a realización desta proba tamén contará cun curso mundial de arbitraxe, un curso de 'coach' internacional e un 'training camp'. Está prevista a participación de 16 clubs e 51 deportistas galegos.

Gonzalo Castro destacou a alta participación feminina nesta proba, na que hai confirmadas máis de 1.200 nenas e mozas. "Levamos anos traballando desde este Goberno municipal para que A Coruña sexa unha potencia nacional na realización de grandes eventos e a disputa desta competición é unha boa proba de que imos polo bo camiño", engadiu o edil.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión