Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de maio de 2024

A ‘Psicosis’ de Alfred Hitchcock chega este xoves ao Teatro Colón, co cineasta español Paco Plaza como convidado especial

Últimas entradas á venda para a proxección desta semana, que será a penúltima do ciclo ‘As mellores películas da historia’, impulsado polo Concello neste primeiro semestre de ano

A que segue a ser a gran película de culto nos xéneros do terror e o thriller psicolóxico, a Psicosis de Alfred Hitchcock, chega este xoves 23 ao Teatro Colón (19.30 horas) na que será a penúltima sesión do ciclo 'As mellores películas da historia', promovido polo Concello neste primeiro semestre de ano.

Unha das particularidades do ciclo é que as proxeccións se levan a cabo nun formato en 35 mm, o que supón unha oportunidade única para gozar de películas clásicas como Psicosis, con escenas que pasaron á historia, como a fuga da protagonista, Marion Crane -interpretada por Janet Leigh- e a inquietante personaxe de Norman Bates, o xerente do motel dos horrores, que interpreta Anthony Perkins.

A prestixiosa publicación británica Sight and Sound sitúa a Psicosis no posto trixésimo primeiro na listaxe das grandes longametraxes de todos os tempos, un ranking elaborado segundo o criterio e as votacións de cineastas, académicos e especialistas da sétima arte.

Coas últimas entradas á venda, aínda é posible conseguir pases a través da web de Ataquilla, así como no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense. Tamén se habilitará a venda de entradas no Teatro Colón o propio día da proxección, sempre e cando haxa pases dispoñibles.

Paco Plaza protagoniza o coloquio aberto ao público

A proxección da película irá acompañada, como xa é habitual, dun coloquio aberto ao público. O convidado especial desta sesión será o cineasta valenciano Paco Plaza, director e creador, xunto a Jaume Balagueró, da exitosa saga REC. 

Plaza, que tamén dirixiu pezas como Verónica (2017) ou Quien a hierro mata (2019), co galego Luís Tosar como protagonista, é o gran referente do xénero de terror no cinema do país. Recentemente, a finais de 2023, estreou en Netflix a súa última película, Hermana muerte (2023).

No coloquio deste xoves 23, Plaza estará acompañado por Javier Trigales, guionista e coordinador do ciclo 'As mellores películas da historia'.

O ciclo rematará o vindeiro mes de xuño

A posta en marcha do ciclo 'As mellores películas da historia' no Teatro Colón foi unha das apostas do Goberno de Inés Rey para potenciar a programación cultural do Concello neste primeiro semestre de ano, atendendo á boa recepción que tivo, por exemplo, o ciclo de cinema 'Colón Noir', que se realizou o ano pasado.

Neste sentido, 'As mellores películas da historia' rematará o día 13 de xuño, coa derradeira proxección en 35 mm prevista na programación. Será  El espíritu de la colmena, de Víctor Erice.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión