3 de mayo de 2024
A alcaldesa, Inés Rey, recolleu o premio á mellor organización de marcha atlética do 2023
Está prevista a participación dos principais marchadores do mundo, con atletas de 25 nacionalidades en categoría feminina e 22 na masculina
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta mañá o premio á mellor organización de marcha atlética do 2023 ao Gran Premio Cantones, que realizará a súa XXXVII edición o sábado 18 de maio, a partir das 17.00 horas. A rexedora estivo acompaña do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e recibiu o galardón de mans de Iván Sanmartín, presidente da Real Federación Galega de Atletismo. Tamén estivo presente o deputado responsable de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira.
"Para A Coruña é unha honra contar cunha proba que é todo un referente a nivel mundial, tan só superada polos Xogos Olímpicos", sinalou a alcaldesa. O galardón á mellor organización foi concedido pola Real Federación Española de Atletismo e súmase a outros distintivos acadados por esta competición, como o de Patrimonio Mundial de Atletismo de World Athletics.
Aproveitando o acto de entrega, a alcaldesa puido coñecer todos os detalles da organización do vindeiro XXXVII Gran Premio Cantones de marcha atlética, organizado polo Concello xunto coa Federación Galega de Atletismo e a Deputación da Coruña. O circuíto transcorrerá polos Cantóns. Está prevista a participación de atletas de 25 nacionalidades en categoría feminina e de 22 na masculina, ademais doutras 9 na categoría de 10 quilómetros.
Gran participación de atletas de primeiro nivel
Un importante elenco mundial de marchadoras e marchadores participarán nesta proba. Nesta ocasión, realizarase case un mes despois do Campionato do Mundo de Marcha por equipos en Antalya, no que España lograba uns formidables resultados que evidencian o excelente nivel desta modalidade no atletismo.
Nesa edición, confirmaron a súa asistencia na proba feminina un total de sete medallistas mundiais, entre as que destaca a presenza da marchadora española bicampioa do mundo en Budapest María Pérez, quen reaparece despois da súa inoportuna lesión coa mente posta nos Xogos Olímpicos.
A expedición chinesa, sempre numerosa, estará encabezada pola bronce olímpico en Tokio-20 Liu Hong, e complétase coa presenza de Shijie Quieyang bronce mundialista en Oregón-22 e Zhenxia Ma gañadora desta proba en 2018 e 2022. A bicampioa mundial en Oregón-22 e gañadora do certame coruñés a pasada edición Kimberly García será sen dúbida outro dos grandes atractivos desta edición.
Outro dos focos importantes de atención nesta proba feminina será a que centren as marchadoras galegas Antía Chamosa e Aldara Meilán. Chamosa atópase na lista de serias aspirantes a ocupar praza olímpica.
Na categoría masculina novamente as miradas estarán centradas na actuación dos españois liderados por Alvaro Martín, flamante bicampión do mundo nas probas do 20 quilómetros e 35 quilómetros. Na pasada edición de Budapest. Xunto ao marchador pacense estarán tamén os finalista olímpicos Marc Tur e o gañador desta proba no 2021 e terceiro en Antalya Diego García. Un potente equipo xaponés virá encabezado polo subcampión olímpico en Tokio Koki Ikeda quen estará acompañado polo campión do mundo en Oregon-22 Toshikazu Yamanishi. Un dos asiduos a Cantones, o brasileiro bronce mundialista en Budapest-23 Caio Oliveira de Sena lidera o grupo de marchadores Iberoamericanos que completan o portugués subcampión mundial o Doha-19 Joao Oliveira.
Por outra banda, nesta competición estarán en xogo as últimas prazas olímpicas. Pola parte española, decidiranse a última praza feminina e masculina do 20 quilómetros.
Un referente desde 1987
O Gran Premio Cantones de marcha naceu en 1987 impulsado polo entón presidente da Federación Galega de Atletismo, Sergio Vázquez. Na súa primeira competición contou coa presenza de catro medallistas olímpicos e seis medallistas e un campión europeo. Desde entón foi medrando a súa popularidade ata converterse hoxe en día unha das probas referentes do circuíto mundial.
Foi no 2005 cando se creou o Race Walking Challenge e A Coruña é a única cidade presente en todas as edicións disputadas ata o momento. Na cidade estiveron marchadores dos cinco continentes en representación de ata 71 países distintos. O Gran Premio Cantones conta coa denominación Golden Level dentro do circuíto mundial, o que o acredita na máxima categoría da competición xunto a Philadelphia (EEUU), Dudince (Eslovaquia), Taicang (China), Dublín (Irlanda), Tokio (Xapón) Camberra (Australia) e Varsovia (Polonia).
18 de mayo de 2024
16 de mayo de 2024
15 de mayo de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible