Introdución

Hoxe coma onte, a actividade económica da Coruña só se pode definir como incesante. Aínda que a cidade sempre aproveitou a súa localización xunto ao mar para desenvolver a súa industria, esta metrópole soubo proverse dunha complexa e ampla rede de infraestruturas e de empresas que lle permitiron converterse no corazón económico e político de Galicia e nun dos máis destacados do norte de España e de Europa.
O pasado deixou como herdanza unhas importantes actividades económicas no ámbito comercial, portuario e pesqueiro que A Coruña mantivo ao igual cós beneficios de ser unha capital administrativa, financeira e de servizos na rexión galega.
A cidade soubo adecuar aos novos tempos a mencionada oferta empresarial e desenvolveu novas e interesantes actividades. Así o mostra o espectacular crecemento de parques empresariais nas inmediacións da cidade. Recentemente creáronse os polígonos de Alvedro (Culleredo), Os Capelos (Carral), Cerceda, Coirós e Curtis-Teixeiro e ampliáronse os polígonos de Espíritu Santo (Cambre) e Piadela Sur (Betanzos). Ademais, tamén destaca a ampliación do polígono de Bértoa (Carballo) e a creación do Parque de Actividades Económicas de Arteixo.
Os dous polígonos industriais que se encontran no propio municipio, Pocomaco e A Grela-Bens, dan cabida ás sedes e instalacións de máis de mil empresas dos máis variados sectores: construción, alimentación, transportes, novas tecnoloxías, venda e reparación de vehículos. A situación estratéxica destes polígonos e a moderna rede de comunicacións existente permiten que a loxística e o transporte de mercancías lles reporten a estas empresas unha auténtica vantaxe.
En resumo, A Coruña reúne todas as condicións favorables para o establecemento de calquera nova empresa industrial e de servizos e móstrase como unha excelente base de oportunidades de negocio.