Portal Web del Ayuntamiento de La Coruña

Luns, 20/8/2012

A edición desta guía enmárcase dentro dunha serie de actividades que o Concello puxo en marcha con motivo do bicentenario do cemiterio coruñés

O Goberno municipal edita o primeiro plano - guía do cemiterio de San Amaro

A iniciativa destaca 200 puntos de interese no camposanto a través de 4 itinerarios que pretenden "destacar o gran valor cultural, histórico e artístico de San Amaro e potenciar as súas posibilidades turísticas".

A Coruña, 20 de agosto de 2012.- O concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador, presentou esta mañá o plano - guía do cemiterio de San Amaro, unha das iniciativas que o Goberno municipal leva a cabo con motivo do bicentenario do camposanto coruñés que se celebra este ano.

"Trátase dunha publicación moi interesante tanto para os coruñeses como para os turistas que nos visitan. Son moitos os que se achegan a San Amaro, especialmente no verán. Non é para menos xa que se trata dun dos poucos cemiterios mariños do mundo e por iso ten un atractivo especial. De feito, dende o pasado mes de maio, San Amaro está incluído na Association of Significant Cementeries in Europa (ASCE), unha rede europea de cemiterios singulares da que forman parte 150 cemiterios de todo o continente", explicou Salvador.

Neste sentido, o concelleiro de Medio Ambiente tamén destacou que San Amaro é un contedor "de gran valor cultural, histórico e artístico que agora se potencia para explotar as súas posibilidades turísticas e tamén para preservar esta xoia arquitectónica e cultural da cidade".

O plano - guía propón 200 puntos de interese divididos en catro itinerarios diferentes:

- Itinerario dos creadores, historiadores e científicos. Nesta ruta proponse visitar a tumba de 70 grandes nomes entre os que se encontran Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Curros Enríquez ou Wenceslao Fernández Flórez.

- Itinerario dos políticos, os militares e os soños da Coruña.

- Itinerario dos segredos de San Amaro.

- Itinerario artístico. Un percorrido polos panteóns máis senlleiros. Trátase dun total de 29 paradas nas que se encontran "verdadeiras xoias do neoclasicismo, tallas en mármore, templos neorománicos ou xónicos, ou panteóns modernistas", explicou Salvador.

O plano - guía editouse en galego, castelán e inglés. Distribuirase nas oficinas de turismo e no propio cemiterio.

"A edición deste plano - guía enmárcase dentro das iniciativas que está a levar a cabo o Concello con motivo do bicentenario do camposanto. O acto central realízase este sábado, 25 de agosto, no propio cemiterio e tamén se editará un libro sobre San Amaro. A publicación está prevista para o próximo mes de novembro, coincidindo coa data de bendición do camposanto coruñés”, explicou o concelleiro.

Enrique Salvador tamén lembrou que o próximo 25 de agosto reiniciarase o programa de visitas a San Amaro xusto despois da conclusión da velada poético - musical que se realizará ese mesmo día no camposanto coruñés. Serán un total de 18 que se estenderán ata finais do mes de decembro. A novidade respecto doutros anos é que haberá 5 visitas tras a hora do peche do cemiterio. Dependendo do día, estas visitas desenvolveranse con luz diúrna ou con nocturna. O límite de persoas anotadas por visita establécese en 40. As inscricións pódense realizar na Oficina de Turismo da praza de María Pita ou no número de teléfono 981 92 30 93. O punto de encontro é a porta do cemiterio e a duración estimada da visita é dunha hora e media.

Datas e horarios das visitas

Sábado 25/08/12 ao final da velada poético-musical

Venres 07/09/12 tras o peche do cemiterio

Domingo 09/09/12 horario habitual

Domingo 23/09/12 horario habitual

Domingo 30/09/12 horario habitual

Venres 05/10/12 tras o peche do cemiterio

Domingo 14/10/12 horario habitual

Domingo 21/10/12 horario habitual

Domingo 28/10/12 horario habitual

Venres 02/11/12 tras o peche do cemiterio

Domingo 11/11/12 horario habitual

Domingo 18/11/12 horario habitual

Domingo 25/11/12 horario habitual

Venres 30/11/12 tras o peche do cemiterio

Domingo 09/12/12 horario habitual

Domingo 16/12/12 horario habitual

Domingo 23/12/12 horario habitual

Domingo 30/12/12 horario habitual

 

- Horario habitual: 16.00 horas

- Tras o peche do cemiterio: 20.30 horas

- Ao final da velada poético-musical: 21.30 horas (depende de duración do acto)