Portal Web del Ayuntamiento de La Coruña

Luns, 20/8/2012

O Concello abre o prazo de inscrición para o concurso de empanadas da Romaría de Santa Margarita

Os participantes deberán presentar as súas empanadas o próximo 26 de agosto, entre as 11.00 e as 12.00 horas, no anfiteatro do parque de Santa Margarita.

A Concellería de Cultura anuncia que hoxe, luns 20 de agosto, ábrese o prazo para apuntarse no concurso de empanadas da Romaría de Santa Margarida que se realiza o día 26. As persoas interesadas en participar poderanse inscribir nas oficinas do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) no despacho de entradas da praza de Ourense. O Concello premiará as tres mellores empanadas e concederá ata un máximo de 114 accésits.

O departamento que dirixe Ana Fernández anima a participar neste concurso a todas as persoas que non sexan profesionais de panadería, pastelería ou restauración. Os inscritos deberán presentar as súas empanadas elaboradas o 26 de agosto, de 11.00 a 12.00 horas, no anfiteatro do parque de Santa Margarita. Este evento enmárcase dentro do programa de festas María Pita 2012, que precisamente se clausura ese mesmo día despois dun mes cargado de actos co obxectivo de alcanzar polo menos o millón de participantes.

As persoas interesadas en presentarse ao concurso de empanadas poderán inscribirse a partir de hoxe nas oficinas do IMCE na praza de Ourense en horario de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, de luns a venres, e de 09.30 a 13.00 horas o sábado 25 de agosto, un día antes da realización do concurso.

O xurado, composto por un representante do Goberno municipal como presidente e un mínimo de tres vocais relacionados co sector hostaleiro coruñés, encargarase de elixir as mellores empanadas despois de concluír a súa degustación. O departamento de Cultura outorga un primeiro premio de 700 euros, un segundo de 300 euros e un terceiro de 150 euros. Os tres primeiros clasificados tamén serán obsequiados cun trofeo. Ademais, concederanse ata 114 accésits, premiados con 25 euros cada un, para aquelas empanadas que segundo o propio xurado posúan características de elaboración que as fagan dignas desta distinción.

O concurso de empanadas arrincará ás 13.00 horas e forma parte dos actos programados con motivo da Romaría de Santa Margarita. Con anterioridade, ás 12.00 horas, actuará a Banda Municipal de Música. Para a noite, están programadas no parque de Santa Margarita unha verbena, a partir das 22.00 horas, e unha sesión de fogos artificiais dende as 23.00 horas.

Descargar documentos

Bases do concurso de empanadas