Portal Web del Ayuntamiento de La Coruña

Martes, 29/5/2012

O Executivo local reforza a súa aposta pola rehabilitación con 700.000 euros para 116 vivendas na Sagrada Familia

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reuniuse cos residentes do barrio aos que lles trasladou a nova actuación, unha vella demanda veciñal.

O tenente de alcalde Martín Fernández Prado, tras reunirse cos veciños do barrio da  Sagrada Familia.

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, reuniuse cos veciños da Sagrada Familia para informalos sobre a concesión das subvencións de rehabilitación de vivendas no barrio. Trátase dunha vella demanda veciñal, unha noticia pola que os residentes da zona levaban dous anos esperando xa que, finalizados os tres primeiros convenios de rehabilitación no barrio, quedaron pendentes de resolución seis expedientes que, a pesar de que cumprían todas as condicións para obter a subvención, non puideron estimarse por estar esgotado o crédito orzamentario.

Agora, o Goberno municipal volveu demostrar o seu compromiso e a súa aposta pola rehabilitación. Tras diversas conversas coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento, o Concello incluíunos no último convenio co fin de terminar completamente a rehabilitación iniciada, concedendo subvención a todos aqueles veciños que o solicitaran en prazo.

Este convenio supón que se vai subvencionar con 700.000 euros, a rehabilitación de 6 edificios cun total de 116 vivendas. Ademais, completarase a obra de urbanización no barrio e investiranse 350.000 euros.

Este mesmo mes o alcalde, Carlos Negreira, asistiu á sinatura do Plan Estatal de Vivenda entre a Xunta e o Ministerio de Fomento, un programa no que colabora o Goberno municipal e que supón un investimento de máis de cinco millóns e medio de euros en 290 actuacións para a rehabilitación de pisos. Un programa ao que está vinculada esta actuación na Sagrada Familia, ademais doutras que inclúen os barrios de Palavea, Os Mariñeiros e centro histórico.