Martes, 24/4/2012
O Fórum Metropolitano acolle o XII Rebumbio Matemático
A primeira fase desta proba na que participan colexios de toda Galicia será o vindeiro venres, entre as 11.00 e as 13.00 horas, e a final realizarase o 25 de maio.
A Concellería de Educación, Deportes e Xuventude informa de que o Fórum Metropolitano acollerá o vindeiro venres, 27 de abril, a primeira fase do XII Rebumbio Matemático, na que participarán os 186 escolares de toda Galicia que foron seleccionados nas diferentes probas zonais. A Coruña e a área metropolitana achegan 54 alumnos, organizados en 18 grupos e que pertencen a 12 centros educativos.
O Concello colabora coa Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (Agapema) na organización da proba do venres, que constará de seis actividades diferentes e durará un máximo de dúas horas, dende as 11.00 ás 13.00 horas. Os alumnos terán que estar no Fórum 30 minutos antes do inicio desta fase do XII Rebumbio Matemático e presentar o DNI. No caso de que non o teñan, os estudantes poden acreditarse cun carné do centro no que estudan, cunha fotocopia da súa páxina no Libro de Familia con foto selada polo colexio, ou a través dun certificado do centro coa foto do alumno selada.
A organización do XII Rebumbio Matemático entregará a cada grupo un sobre cunha ficha na que farán constar os seus datos e unha tira de adhesivos identificativos para poñer en cada problema e en cada folla que empreguen. As fichas recolleranse de forma anónima e meteranse nun sobre cerrado que se abrirá unha vez que se avalíen os problemas.
Os nomes dos equipos finalistas comunicaranse antes do 6 de maio e, a continuación, o día 8, serán publicados na páxina web da Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (www.agapema.com). O Fórum Metropolitano tamén acollerá a gran final o próximo 25 de maio.