Xoves, 9/8/2012
A cidade recibe 47 grandes veleiros de 18 nacionalidades diferentes e a previsión do Goberno municipal é alcanzar polo menos os 600.000 visitantes
A Coruña acolle a Tall Ships Races ata o vindeiro luns
A Concellería de Deportes ofrece numerosas actividades de lecer, como as Tapas do Mar, unha exposición de motos de competición e unha exhibición aérea.

A Coruña acolle dende mañá venres e ata o vindeiro luns, 13 de agosto, a Tall Ships Races 2012. O público poderá gozar de 47 veleiros de 18 nacionalidades diferentes. A previsión da Concellería de Deportes é que polo menos 600.000 persoas, entre veciños e turistas, visiten os barcos e gocen das actividades de lecer programadas no gran recinto que se instalou no porto para esta ocasión especial. O Goberno municipal traballa para que o evento consolide a cidade como un referente do noroeste español e unha oportunidade única para dinamizar o turismo e o pequeno comercio, e máis nesta edición que coincide coas Festas de María Pita e o Noroeste Pop Rock, que arrinca hoxe na praia de Riazor con Mika e continúa mañá con Xoel, Iván Ferreiro e Leiva.
A gran regata de veleiros chega mañá á cidade por oitava vez na súa historia, aínda que os primeiros barcos empezaron a atracar no porto. Nesta edición, o Concello traballou de maneira coordinada cos organizadores da Tall Ships Races e con outras administracións para que todas as persoas que se acheguen ao porto -os barcos estarán nos peiraos á altura de Palexco- gocen como nunca destes grandes veleiros, nos que viaxan preto de 4.000 tripulantes -a metade de idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos-.
O Goberno municipal preparou numerosas accións lúdicas para os miles de visitantes que se achegarán ata a dársena coruñesa durante os próximos catro días. Unha das actividades que levantou máis expectación é sen dúbida as Tapas do Mar: na cuberta dos barcos de maior envergadura ofreceranse produtos galegos do mar a prezos razoables, unha oportunidade única e pioneira na Tall Ships Races para a promoción da gastronomía local.
A organización programou un desfile polas rúas do centro da cidade o vindeiro sábado a partir das 18.00 horas, que acabará cunha recepción oficial da tripulación en María Pita. Para agradecer a súa estancia na Coruña, aos participantes ofreceránselles visitas guiadas polos puntos máis emblemáticos da cidade, como o Centro histórico e a Torre de Hércules, ademais dunha sesión de fogos artificiais o domingo a medianoite dende o Castelo de San Antón. Está previsto que os veleiros partan da Coruña rumbo a Dublín (última etapa da Tall Ships Races) o luns ao mediodía.
Dende mañá e ata o vindeiro luns, todas as persoas que se acheguen ao porto tamén poderán gozar dunha exposición de motos míticas de competición dos equipos de motociclismo de Repsol (catro de MotoGP, unha de Trial e outra do Rally Dakar). O domingo, a partir das 11.00 horas, os amantes das dúas rodas tamén poderán manter un encontro cos pilotos de Moto3 Miguel Oliveira e Álex Rins. Ese mesmo día na contorna da dársena, ás 13.00 horas e durante aproximadamente 15 minutos, realizarase unha exhibición aérea a cargo do equipo Bravo3 Repsol: dous avións ofrecerán un voo sincronizado con velocidades que poderán alcanzar os 350 quilómetros por hora.
ORGANIZACIÓN E OPORTUNIDADE ÚNICA
O Concello da Coruña traballa dende hai meses na organización da regata e agradece a colaboración de 150 voluntarios con experiencia neste tipo de eventos deportivos que se desenvolven tanto en recintos cubertos como polas rúas da cidade. Ademais, un comité de seguridade do porto onde participaron Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil, Protección Civil, Cruz Vermella e Bombeiros preparou un dispositivo especial que lle facilite ao público asistente poder gozar da Tall Ships Races.
A realización da regata de grandes veleiros na Coruña é unha oportunidade única para seguir afianzando a cidade como referente do noroeste español, unha posición que se consolida grazas á Tall Ships Races e a outros espectáculos deportivos xa realizados, como o partido da Selección Española de Baloncesto e o primeiro maratón, e os que están por chegar, como a Supercopa de Fútbol sala do próximo mes de setembro.
TRADICIÓN
A Coruña conta cunha longa historia relacionada coa regata, posto que xa foi sede da Tall Ships Races durante a súa segunda edición en 1958. Será a oitava vez que acolle a proba -a anterior foi en 2006-. Nesta ocasión, a regata de grandes veleiros chega á cidade da Coruña procedente de Cádiz, polo que se converterá no cuarto porto desta competición, que arrincou o pasado 8 de xullo de Saint Maló, na Bretaña francesa.
- 1ª etapa. Saint Maló - Lisboa (do 8 ao 19 de xullo). A frota tivo a oportunidade de cruzar o Canal da Mancha, bordear a Bretaña francesa, atravesar o Golfo de Biscaia, chegar ás costas de Galicia e percorrer o litoral portugués ata arribar finalmente ao porto de Lisboa.
- 2ª etapa. Lisboa - Cádiz (do 22 ao 26 de xullo). Despois de percorrer unha gran distancia, a frota navegou durante cinco días a través das costas portuguesas, cruzando o cabo San Vicente e percorrendo o Golfo de Cádiz rumbo á cidade andaluza.
- Cruise in Company. Cádiz - A Coruña (do 29 de xullo ao 10 de agosto). O cruceiro Compañía é a etapa que finaliza no porto coruñés e onde prima a amizade fronte ao espírito competitivo. É o momento do intercambio de tripulacións e de navegar en compañía doutros barcos, tendo a ocasión de realizar paradas en baías e portos ao longo da costa de Portugal e as costas de Galicia, lugares onde se estreitan os lazos de amizade entre as tripulacións.
- 3ª etapa. A Coruña - Dublín (do 13 ao 23 de agosto). É a última etapa da regata, cunha duración de 11 días de navegación. A frota partirá rumbo ao Golfo de Biscaia, asucando as augas do Gran Sol e o canal de Irlanda para arribar como fin de festa á cidade de Dublín.