Portal Web del Ayuntamiento de La Coruña

Martes, 24/4/2012

O Concello cerra o acceso ás praias, parques e xardíns da cidade dende as 20.00 horas de hoxe

A Coruña vivirá mañá, mércores 25 de abril, unha nova xornada de alerta laranxa por ventos con refachos de 100km/h e mar de fondo con ondas de entre 4 e 6 metros.

O Concello informa de que dende esta tarde poñerase en marcha un dispositivo de seguridade e emerxencias como medida fronte ás previsións meteorolóxicas que anuncian alerta laranxa para a xornada de mañá mércores 25 de abril. Prevense ventos con refachos de ata 100 km/h dende esta medianoite e no mar espérase mar de fondo con ondas de entre 4 e 6 metros dende as 6.00 horas. Os momentos de maior intensidade serán ás 07.17 horas e ás 19.30 coincidindo coa preamar.

Dende as 20.00 horas, a Policía Local cerrará os accesos ás praias e zona das Escravas e dende as 22.00 estará activado un dispositivo policial para vixilancia, seguridade e control das zonas cerradas. O Servizo de Protección Civil montará un primeiro dispositivo ás 07.00 horas que se reforzará con voluntarios dende as 08.00 horas. O Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), establecerá un dispositivo de prevención na zona de Riazor e Orzán dende as 06.00 horas, aínda que haberá un servizo de garda dende as 22.00 horas para atender calquera incidencia que se poida producir.

O concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador, informa de que dende as 20.00 horas de hoxe e durante toda a xornada de mañá mércores cerraranse os parques, xardíns e espazos públicos da cidade por precaución e seguridade. O responsable local pídelle á cidadanía que extreme as precaucións e evite os lugares con árbores ou con elementos susceptibles de desprendemento.

Os servizos municipais formarán reténs nocturnos e, en canto remate este fenómeno adverso, realizarase unha supervisión pormenorizada de todas as áreas para detectar calquera dano que se puidese producir co obxectivo de emendalo no menor espazo de tempo posible.