Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Concello da Coruña

Cando:

26 de outubro de 2017

O Co-Lab convida á cidadanía "a coñecer as problemáticas derivadas do desenvolvemento urbanístico que se levou a cabo na Coruña", a través de roteiros que comezarán esta semana

A edil de Participación, Claudia Delso, avanza que o primeiro paseo do proxecto Co urbanismo nos talóns terá lugar este sábado e percorrerá unha distancia de 6 km entre San Xosé e O Portiño

A Concellería de Participación e Innovación Democrática informa que esta fin de semana desenvolverase o primeiro dos tres roteiros formulados no proxecto Co urbanismo nos talóns, unha iniciativa de innovación social enmarcada no Laboratorio Cidadán da Coruña, o Co-Lab, que busca impulsar unha comunidade de aprendizaxe arredor dos territorios habitados da cidade que o urbanismo vixente propón transformar. Tal e como destaca a edil Claudia Delso, os paseos do colectivo Ergosfera "enténdense como unhas xornadas de recoñecemento dos territorios e comunidades afectadas pola presión urbanística derivada de novos desenvolvementos na Coruña, así como de introdución a certas nocións básicas de urbanismo para persoas non expertas". "En definitiva, do que se trata é de dar a coñecer todas as problemáticas que se derivaron de modelos urbanísticos que se reproduciron en épocas pasadas e que se baseaban na depredación e non no aproveitamento", comenta Delso.

Así, os roteiros do proxecto Co urbanismo nos talóns están formulados como un primeiro contacto formal coas veciñanzas afectadas, "de xeito que podan complementar o relato desde o punto de vista informativo, da realidade urbanística de cada un dos territorios atravesados, coas súas experiencias persoais respecto do territorio e dos plans de futuro que lles atinxen", afirma a responsable municipal. Os paseos servirán para avanzar no coñecemento do posicionamento das veciñanzas afectadas con respecto aos plans urbanísticos para os seus barrios.

O roteiro que terá lugar este sábado comezará ás 10.30 horas na parada de bus da Refinería na estrada AC-415 (Liña 6), e percorrerá unha distancia de 6 km entre San Xosé e O Portiño, pasando e facendo pequenas paradas nos barrios de San Xosé, A Moura, A Fontenova, A Silva de Abaixo, A Silva de Arriba, Penamoa, A Gramela, Loureiro e Catro Ventos (San Pedro de Visma), A Pedra da Barca, O Campanario e O Portiño (Monte e Peirao de San Pedro). "Ao longo do percorrido comentaranse as diferentes figuras urbanísticas que afectan a cada un dos barrios atravesados, de xeito que se introducirán as nocións técnicas básicas para entender as diferentes situacións atopadas, como a clasificación do solo, os instrumentos urbanísticos ou os sistemas de actuación", sinala Delso.

Ademais deste primeiro paseo pola zona norte do municipio, nesta fase inicial do proxecto realizaranse dous máis neste mes. Así, o segundo desenvolverase o sábado 4 de novembro na zona centro do municipio, entre O Martinete e A Agra dos Mallos, mentres que o terceiro terá lugar o sábado 11 de novembro na zona sur, entre A Pasaxe e Eirís de Arriba.

Para máis información sobre Co urbanismo nos talóns, así como sobre o Laboratorio Cidadán da Coruña, pódese visitar a páxina web municipal colab.coruna.gal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible