Marco de Referencia
En xuño de 2002, apróbase a Directiva 2002/49/CE sobre Avaliación e Xestión do Ruído Ambiental, que pretendía crear un marco homogéneo a nivel europeo e proporcionar unha base para desenvolver e completar o conxunto de medidas comunitarias existentes sobre o ruído emitido polas principais fontes, especialmente polas infraestruturas ferroviarias, viarias e aeroportuarias, sen esquecerse doutras como os equipamentos industriais e de uso ao aire libre de máquinas móbiles, entre outras.
A medida máis sobresaliente desta directiva foi a esixencia de elaborar Mapas Estratéxicos de Ruído ás Grandes Aglomeracións, entendendo por tales, aquelas porcións de territorio con máis de 100.000 habitantes e cunha densidade de poboación tal que o Estado membro considérea zona urbanizada, así como a elaboración de Plans de Acción coa necesaria participación cidadá mediante procesos de información á poboación de todas as actuacións que leven a cabo, de conformidade coa Directiva 2003/4/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 28 de Xaneiro.
Mediante a Lei 37/2003, de 17 de Novembro, do Ruído, transponse ao ordenamento xurídico español dita directiva, sentando as bases para un ordenamento homoxéneo en todo o territorio nacional das fórmulas de xestión do ruído establecidas na directiva.
Posteriormente, mediante o Real Decreto 1513/2005 de 16 de decembro e mediante o Real Decreto 1367/2007 de 19 de outubro, desenvólvese dita lei estatal en diferentes aspectos, como os mapas de ruído, a zonificación acústica ou os obxectivos de calidade aplicables a cada sector do territorio, que completan o conxunto de esixencias da directiva no noso territorio e abren as portas a outras normas no ámbito da edificación, como o Real Decreto 1371/2007 de 19 de outubro, polo que se aproba o documento básico "DB-HR Protección fronte ao Ruído" do noso "Código Técnico da Edificación".
Desde 2007 existe unha ordenanza municipal que regula o ruído na cidade (Ordenanza Municipal Ambiental Reguladora da Emisión e Recepción de Ruídos e Vibracións e do Exercicio das Actividades Sometidas a Licenza) que no seu momento foi considerada pioneira a nivel nacional, por ser a primeira que recolleu como obrigatorio o uso de sonógrafos limitadores nos locais de lecer nocturno e a esixencia do control permanente destes mediante medios telemáticos. Hoxe en día está en proceso de revisión.