Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de maio de 2024

O Concello licita as obras para demoler o esqueleto urbanístico do Martinete, que será derrubado no primeiro trimestre de 2025

O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou hoxe de que o derrubamento se levará a cabo pola vía de execución subsidiaria, “dado que a propiedade non atendeu as súas responsibilidades”

O primeiro tenente de alcaldesa e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou esta mañá sobre os asuntos tratados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que aprobou este mércores a licitación das obras de demolición do esqueleto urbanístico existente no barrio do Martinete, traballos que se completarán, previsiblemente, no primeiro trimestre de 2025.

A estrutura, situada entre as rúas Mozart e Luís Peña Novo, comezou a construírse nos anos da crise financeira do 2008, mais a propiedade nunca chegou a completar as obras necesarias para dar acceso ás vivendas, polo que o edificio ficou sen rematar e, polo paso do tempo e a conseguinte deterioración da estrutura, as obras declaráronse ilegalizables. Lage apuntou, neste sentido, que "o esqueleto ocupa un soar dunha superficie de máis de 1.100 metros cadrados, e co paso dos anos foi converténdose nun foco de insalubridade e maleza, entrañando tamén un risco para a seguridade das persoas pola súa progresiva deterioración, ante a inacción da propiedade, que fixo caso omiso das súas obrigas: primeiro, a de rematar a construción; e, a segunda, a de rehabilitar e manter a estrutura".

Por este motivo, dado que a propiedade non atendeu os requirimentos do Concello, e tras avaliar o estado do edificio, o Goberno municipal optou por recorrer á vía da execución subsidiaria de cara á súa demolición total. O orzamento base de licitación do proxecto ascende a algo máis de 773.000 euros, "investimento que deberá afrontar o Concello da Coruña para completar o plan de traballos, que, lembremos, se asume porque a propiedade non atendeu as súas responsabilidades", incidiu Lage. Unha vez que se adxudiquen as obras, o plan de traballo para derrubar o esqueleto terá que completarse nun prazo máximo de catro meses. 

Lage destacou, ademais, que a licitación das obras para demoler o esqueleto "dan continuidade ao plan de melloras previsto polo Goberno de Inés Rey tanto no Martinete como na súa contorna", Cómpre lembrar que, a finais de marzo, tamén comezou a reurbanización da rúa Manuel Ferrol, arredor do residencial do Birloque.

Avances na urbanización do sector 2 de San Pedro de Visma

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou, de forma inicial, o estudo de detalle correspondente a catro parcelas residenciais do sector 2 do polígono de San Pedro de Visma, un desenvolvemento que forma parte do Plan de vivenda do Concello para o período 2024-2030.

"A finais de decembro aprobamos definitivamente o proxecto de urbanización deste ámbito, no que se estima a creación dunha bolsa de case 3.600 novas vivendas, das que un 26% serán de protección oficial. É dicir, unha cuarta parte do total", expuxo Lage. Neste sentido, nas parcelas para as que se aprobou inicialmente hoxe o estudo de detalle prevense, precisamente, usos residenciais de protección, ademais de vivenda libre.

As parcelas están situadas no lugar da Gramela e tamén ao noroeste do ámbito, non moi lonxe da Terceira Rolda. O estudo de detalle en cuestión estará exposto a información pública polo prazo dun mes, tal e como corresponde nestes casos.

Un patio cuberto para o IES Salvador de Madariaga

Ademais, deuse luz verde, de forma inicial, ao estudo de detalle presentado pola Xunta co obxectivo de cubrir un dos patios exteriores do IES Salvador de Madariaga, na contorna do polígono de Náutica.

"Colaboramos coa Xunta para promover a mellora das infraestruturas nos centros educativos da cidade, unha cuestión que é da súa competencia, mais na que tamén o Concello está a amosar o seu compromiso coa comunidade educativa", indicou Lage, que citou, por exemplo, a licitación das obras para humanizar o patio exterior do CEIP Ramón de la Sagra, en Elviña, e tamén a recente aprobación do cambio de uso para dotar o Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, no Barrio das Flores, dunha parcela municipal na que se creará un patio de xogos para o alumnado do centro.

Novos usos para os baixos do baluarte do Parrote

Tamén no referente aos asuntos da Área de Urbanismo, hoxe fíxose balance das licenzas resoltas no período entre os días 2 e 9 de maio, con 134 expedientes notificados, dos que 11 foron licenzas urbanísticas e 83 foron obras en réxime de comunicado. 

Como expediente particular destaca a licenza que permitirá a construción dun edificio de 66 vivendas, rochos, locais comerciais e garaxes no número 22 da rúa Montevideo, na confluencia entre a rúa Alcalde Pérez Ardá e a rolda de Outeiro. A promotora ten previsto levar a cabo un investimento de 8,6 millóns de euros nos traballos.

Tamén cómpre destacar, por outra banda, a licenza que habilitará o Club Cámara Noroeste a explotar os locais que hai no baluarte do Parrote, coa finalidade de acoller a sede do club e tamén con vistas ao desenvolvemento de proxectos de hostalería. A Cámara da Coruña estima en dous millóns de euros o orzamento de execución necesario para financiar as melloras nos locais e os seus exteriores.

"Desta forma, facilitamos a recuperación dun espazo situado nun enclave emblemático da cidade, e que actualmente estaba carente de uso en terreos da Autoridade Portuaria", explicou Lage.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión